|
O último alcalde republicano de Lugo, Paco Lamas, nunha expresión de sinceridade, confirmaba nunha entrevista case con oitenta anos, o que se podía intuír da resposta popular e lucense na guerra civil, pero nunca ninguén o dixera con aquel descarnamento: a xente en Lugo portouse mal, moi mal con nosoutros. Non se refería apenas aos insultos profundos e vizosos que recibiron todos os encausados naquel fatídico e famoso consello de guerra lucense, Paco Lamas nunca esquecería aqueles aplausos de merda ante as tapias do cemiterio cando o vento de outono, a guilsa, retornou os ecos dos disparos nos cráneos á tardiña e os converteu en aplausos podres. Que llo preguntaran ao pobre Celestino Fernández de la Vega, que cada ocasión que saía aquel tema se ocultaba baixo uns ollos mourados e mortos nun silencio perpetuo que un río sucio se levou para sempre.
Na fotografía. Saída de voluntarios para o frente. Lugo. 31 de Xullo de 1936.
0 Comentarios
Despois de servir a mesa onde Rof Codina intentaba salvar o derrube da muralla, o camareiro Mauricio Montes non sabe que pola noite Antonio Abelaires lle meterá unha navallada no ventre e pensa por onde se vai deixar caer, se por Nóreas, Tinería ou Recatelo, porque naquel intre Lugo era una inmensa e triste casa de putas. O pintor Corredoyra era tamén dado á noite fácil e un prócer da cultura galega é descuberto na Tinería, por dous gardas municipais, disfrazado de prostituta, armando escándalo.
"A mi me llega con leer a Heidegger y la biblia", aquela frase do filósofo lucense Domingo Carvallo González´, descrita por Juan Soto, ábrenos a posibilidade de coñecer unha das figuras máis enigmáticas e interesantes que nunca deu Lugo. Colaborador da revista Ronsel e intermediario -e algo máis- na tradución ao galego do texto de Heidegger de Celestino Fernández de la Vega, Domingo Carvallo González é un autor de dimensións aínda descoñecidas. Discípulo de Ortega, Husserl e Heidegger -do que era íntimo amigo- e profesor en Friburgo, a obra filosófica de Carvallo e a súa vida novelesca marcan un dos fitos culturais meirandes do Lugo do século XX.
En xullo de 1933 ao poeta Luís Pimentel éntranlle en casa para roubar una pistola star, un mantón de manila, corenta pesetas de prata e uns cartos que unha criada tiña ocultos nun tarro de confituras na cociña, durante a celebración das Xornadas Médicas Galegas. Pimentel decide daquela cantar ás cousas perdidas e converter o roubo en versos. Pimentel, que non desexaba voltar a Lugo desde a súa estadía estival en Gandarío, é consciente que por mor do roubo debe asistir ás xornadas médicas onde o seu padrastro Alonso Hortas vai presentar un relatorio sobre a difteria.
Jane Dieulafoy foi unha feminista francesa, novelista, hispanista e arqueóloga que está considerada coma unha intelectual fundamental na historia do século dezanove en Europa. Casada co aventureiro e tamén arqueológo Marcel Dieulafoy, Jane visitaría Lugo nunha das súas viaxes polo norte peninsular a finais do século dezanove, realizando varias fotografías da cidade das murallas que aínda continúan descoñecidas. A triste historia de Jane, as ampolas que levantaba a súa vestimenta de home e o seu cabelo curto co que combatía os convencionalismos da época, fan daquela visita, se cadra unha das máis importantes. e non obstante totalmente ausente da historia local, que nunca houbo en Lugo.
Fotografía na Praza de Santo Domingo realizada por Jane Dieulafoy. 1894-1897.
Non sei se saben que a mellor e máis peculiar organización que nunca existiu en Lugo foi unha asociación de noitébregos que reinou nas noites lucenses durante os anos de 1926 a 1929. Chamábanse a si mesmos “La gran fraternidad de los lunáticos” e contra do que poda parecer nunha primeira impresión a súa disolución no ano vinte nove non se produciu por unha cuestión de saúde relacionada coa imposibilidade de continuar co costume de bebedores impenitentes e nocturnos senón por cuestións políticas, por suposto.
Na fotografía, entre outros: Pepito Gayoso, Manolo El Escopeta e Desiderio Fole, nunha excursión do ano 1929.
Un dos aspectos máis interesantes de toda a historia da oposición ao franquismo en Galicia non son os episodios heroicos ou incluso dramáticos –en realidade toda oposición a un sistema totalitario, independentemente da súa gradación en sofrimento ou en implicación, é sen dúbida, un acto heroico e na maior parte dos casos dramático- senón as grietas que se producen na citada heroicidade. Reunións para colocar o gaélico como lingua oficial galega ou aquela reunión clandestina no Bar Pontevedra para traer armas e libertar Lugo fan parte daquela ledicia e tristura, daquela traxedia e humor, que atinadamente Celestino Fernández de la Vega colocaba no cerne da alma.
O camareiro da cafetería do Congreso, ourensán, recrimínalle a Castelao que se fora sen pagar en varias ocasións da cafetería da Cámara Republicana. Rumores parlamentarios aparte este anecdotario dun Castelao diferente, serve para desbastar a cristoloxía cívica arredor da súa figura e ensina tamén unha figura humana e humoristicamente insuperable.
Na fotografía: Debuxo de Arteche, debuxante oficial do Congreso, de Castelao, Peñalva e Unamuno tomando algo na cafetería do Congreso.
O 5 de Maio de 1960, os sicarios cubanos e antigos policías do réxime de Batista, Frank Quintana e Artemio Molina, asasinan de tres disparos ao lucense Jose Almoina perto da súa casa no exilio mexicano da Colonia del Valle, na capital do país. A orde, dada polo dictador dominicano Trujillo, cóbrase unha débeda que o lucense arrastraba desde a súa chegada a Ciudad Trujillo na República Dominicana, fuxindo da represión franquista. Recreación dos momentos derradeiros de Almoina, ao que intenta salvar a vida o doutor Sahagún no Hospital doutor Rubén Leñero, é tamén unha homenaxe a unha figura que hoxe é recoñecida universalmente - a través de libros de historia e das novelas de autores como Vargas Llosa ou Vázquez Montalbán- e que na súa cidade natal, que el tanto quixo, non ten nin sequera a caridade dunha rúa.
Fotografía de José Almoina cando novo.
De todas as anécdotas sobre Cunqueiro, a relatada por un líder anarquista andaluz no seu paso por Lugo, co que deu Cunqueiro acompañando a un notario mindoniense, é una das máis gloriosas, xunto con aquel consultorio sentimental para señoritas falanxistas, que levou a Cunqueiro, sen dúbida, a escreber as palabras máis disparatadas. Un percorrido humorístico por algunas das historias de Cunqueiro.
Fotografía: Caricatura de Cunqueiro nos anos 40.
O alcalde lucense Ángel López Pérez tiña por costume pasear en soidade polo parque noso por excelencia que el impulsou. A partir das súas camiñadas polo parque, mestúranse outras historias e nomes que tamén pasearon en soidade polo parque de Rosalía de Castro en Lugo. O citado alcalde conservador, ou o militar e irmán de Evaristo Correa, Isaac Correa Calderón, o escritor Dionisio Gamallo Fierros, o xornalista Rivera Manso e por suposto o filósofo Celestino Fernández de la Vega.
Na fotografía. Paseoa do alcalde Ángel López Pérez polo parque de Rosalía de Castro. Fototeca de Lugo. Concello de Lugo.
Durante os mese de Febreiro e Marzo de 1937 celebráronse na provincia de Lugo diversos actos, organizados polas falanxes locais, para homenaxear á Italia de Mussolini e ao Tercer Reich de Adolf Hitler. A presenza neste actos e a palabra expresada de destacados falanxistas lucenses como Antonio Pedrosa Latas ou o membro do Partido Nazi e Vicecónsul alemán na provincia de Lugo, Guillermo Federico Cloos, devólvenos a unha das páxinas máis infames e revoltas da nosa historia local. Os actos celebrados en Lugo no Círculo das Artes colgaron o cartel de “Agotadas todas las localidades”.
No inverno de 1931 era soterrado en Lugo, o poeta e caixista de El Progreso, Glicerio Barreiro. Durante os anos vinte foi o poeta máis recoñecido da cidade das murallas. Pero a historia de Glicerio é a historia tamén das Irmandades da Fala de Lugo e a súa participación naquela fundada en decembro de 1918 por Evaristo Correa Calderón. Houbo unha anterior, fundada polo militante carlista Xesús Cora y Lira. Esta é a historia tamén daquel enfrontamento entre Irmandades que remataría con estacas e cadeiras polo aire no antigo Lugo Salón. Glicerio é tamén o enfrontamento co seu irmán Germán, membro do Centro Obreiro de Lugo, pola aposta do poeta polas Irmandades, e a súa posterior reconciliación. Aínda que, e sobre todo, Glicerio é unha historia triste, de mortes prematuras e traxedias familiares. En 1926 o pintor lucense Xesús Rodríguez Corredoyra de Castro inicia unha tormentosa relación cunha aristócrata entre as luces eternas de Broadway. As denuncias entrecruzadas non se fan agardar, nas que Corredoyra acusará á aristócrata de apropriarse de 28 cadros e que rematarán nunha vista nun xulgado de West Side. A historia daquela relación e unha semblanza dun artista único e irrepetible. Na fotografía: Inauguración da exposición de Corredoyra en Bos Aires, no salón Witcomb. Na década dos vinte do século pasado eclosionou o jazz en toda a península. En Lugo houbo dúas agrupacións autóctonas: a orquestra de Sariñena e a permanente do Principal con José Rovira e o director de Cántigas e Aturuxos, o violinista Xesús Rodríguez. Pero, sen dúbida a actuación máis importante sería a de Harry Flemming que veu a Lugo en 1929 acompañado polo guitarrista Óscar Alemán, o trompetista Tommy Ladnier, que tocaría con Sam Wooding ou Duke Ellington, e Little Esther, que sería famosa na serie Our Gang, reposta nos oitenta no programa "La Bola de Cristal" co nome de "La pandilla". Unha verdadeiro luxo para Lugo anos vinte. Na fotografía: orquestra de Harry Flemming. Entre 1912 e 1922, houbo en Lugo un instrumento exótico e extraordinario que era propiedade dun sacerdote, Felipe Romay. A relación dese sacerdote lucense co actor, director teatral e músico Amadeo Granieri, a quen legaría o seu violín chinés. lévannos da man por una das historias máis curiosas do Lugo de inicios do século XX. Na fotografía, Felipe Romay co seu violín. Fonfo do Concello de Lugo. A finais de setembro de 1932, o Comité de Cooperación Intelectual de Lugo, organiza una charla na deputación co escritor Ramón Gómez de la Serna. A historia da estadía do grande Ramón na cidade das murallas aquel setembro e a súa visita á peña do Hielo Bar, con Colmeiro, Lamas, Romero Boelle ou Manteiga, e o paseo nocturno xunto con Fole, onde Gómez de la Serna descobre o aspecto máis surrealista de Lugo. Na fotografía: Ramón Gómez de la Serna nunha das súas conversas nocturnas xunto co escritor ruso Ilyá Ehrenburg Na fotografía, sentado durante una excursión. Fondo do Concello de Lugo. Cando more Cabanillas en 1959, tres homes súbense a un coche na rúa da Raíña en Lugo para acodir ao seu enterro en Cambados: trátase de Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Fole e o antigo directivo do partido galeguista, Emilio Xil Varela. Figura fundamental para entendermos o perurso do galleguismo político e cultural naqueles anos, Milucho Xil, é una desas pezas máis caladas e anónimas, pero absolutamente imprescindibles, para construír una cultura e un pensamento. Na fotografía: Caricatura de Eugenio Montes polo pintor Llorens na época de escrita en galego de Montes Visita inesperada do escritor falanxista Eugenio Montes a unha conferencia de Álvaro Cunqueiro a Madrid, coa presenza do grupo de mozos de Brais Pinto, e os intentos de que o escritor mindoniese viaxase a Roma a dar unha serie de charlas para o Instituto de Lengua y Literatura española de Via della Rotonda que dirixía Montes, serven de pretexto para unha reflexión sobre a vida de Eugenio Montes e a relación atormentada entre o totalitarismo e a literatura. Na fotografía: membros da Coral Polifónica de Lugo antes dun concerto en Pontevedra. En Maio de 1932 fúndase a Coral Polifónica de Lugo, presidida polo crítico musical Indalecio Varela e a dirección de Manuel Sariñena. É a historia dos seus concertos e do seu breve percurso pero tamén a historia de amor entre o galeguista Pepe Pimentel e Marisa Cereijo e o amor de Ánxel Fole pola música e por unha cidade. En Maio de 1932 fúndase a Coral Polifónica de Lugo, presidida polo crítico musical Indalecio Varela e a dirección de Manuel Sariñena. É a historia dos seus concertos e do seu breve percurso pero tamén a historia de amor entre o galeguista Pepe Pimentel e Marisa Cereijo e o amor de Ánxel Fole pola música e por unha cidade. En 1895 nacía en Lugo o músico Manuel López Varela. Autor de diversas composicións, director de bandas municipais, entre elas a Banda Municipal de Música de Madrid, será o primeiro en realizar a transcrición de obras de Bach e Stravinsky para este tipo de agrupacións musicais. Inxustamente esquecido, esta pequena historia para recuperar unha figura musical lucense de máxima importancia. Na fotografía: Pío Baroja visitando a muralla de Lugo. A principios dos anos trinta, o escrito Pío Baroja visitou Lugo seguindo o itinerario do xeneral carlista Gómez Damas para facer una reportaxe encargada por una coñecida revista madrileña. Hoxe contamos a historia daquela visita e a súa relación epistolar cun lucense, devoto admirador de Baroja: Celestino Fernández de la Vega. Na fotografía: Antón Figueroa nos anos cincuenta. A lembranza de Antón Figueroa, boticario, médico, mecenas de pintores como Tino Grandío ou Xavier Pousa, e fundador das Mocedades Galeguistas de Lugo nos anos trinta así como do socialismo galego e lucense despois da guerra xunto con Xacinto Calvo. Unha figura imprescindible para enterdermos a vida cultural lucense a través das tertulias e da súa relación coa recuperación e dignificación da palabra democrática e galega. Na fotografía: Álvaro Xil, Ángel Johán e Cebreiro en Lugo na época da revista Ronsel. No ano 1929, o artista plástico e poeta lucense Ángel Johán marcha a Canarias coas oposicións de oficial de telégrafos aprobadas. A súa vida estará marcada polos proxectos culturais como a revista Ronsel e o seu compromiso republicano que o levaría a entrar en prisión durante a época do franquismo. De regreso a Lugo a finais dos anos 40, Ángel Johán é un dos intelectuais máis importantes no Lugo do século XX. |
con Ramón González
|












